Os nosos devanceiros
Un mércores do mes de maio, o Alumnado de QUINTO (seis aulas de 24) botou as mochilas ás costas e puxo rumbo á provincia de Lugo. Alí pasamos un bo cacho, menos do merecido, ollando a muralla romana desta fermosa cidade galega, amén de certos detalles da catedral.
Tiñamos hora sinalada para chegar ao castro de Viladonga, 12 e media, pero algúns teñen o corpo mal educado e... (necesidades fisiolóxicas).
No citado castro tamén houbo quen buscaba resto milenarios polos camiños do poboado. ¡Esa tele! Chegamos ao museo e déronse conta de que atopar cousas interesantes non é doado. Cremos que aprenderon algo.
Camiño de Meira, os ratiños facían cóxegas nos baleiros bandullos.
Contan que o lugar era seguro e amplo pero que esperaban xantar nun restaurante (¡Cento cincuenta persoas!).
Un dos desexos relevantes era consumir. Ata que os levamos aos bares nos que vendían xelados, só se oían queixas. Tantas foron que ata parecía moito tempo o empregado polos dous grupos de mestres/mestras no xantar. Tamén houbo quen, despois de ser moi avisado, tomou a decisión de marchar con outro para mercar ¡outro xelado!.
Recoñecemos que a praza de Meira non quedou tan limpa como cando chegamos. Os rapaces e rapazas de hoxe deben ter os oídos pouco limpos.
Seguindo coas protestas, o nacemento do río MIño merece más tempo de visita. De pouco valía dicirlles que quedaban outras cousas por ver. Algúns aproveitaron para mollar e mollarse.
Por unha das rectas máis longas das estradas galegas, chegamos a Vilalba, capital da Terra Cha. Xogaron un pouco e merendaron.
Última protesta:
-¿"Por qué no vamos a Cospeito"?
-Porque non nos queda tempo e hai que ser sinceros e chegar, máis ou menos, á hora que dixemos a vosos Pais e Nais.
-Queremos ir a Cospeito.
(Non fomos á lagoa de Cospeito, pola razón apuntada)
Esperamos que servira de algo deixar a aula e embarcarse nunha aventura desta envergadura.

Chúzao
del.icio.us